mércores, 21 de maio de 2014

Contra a farsa parlamentaria, loita obreira!


Mentres a clase obreira sofre os problemas do capitalismo, mentres as mulleres e as persoas LGTBI sofren a opresión heteropatriarcal, mentres migrantes son reprimidas por nacer noutro lugar, as forzas electorais non teñen outra cousa que facer que chamarnos a acudir ás urnas para ter representación nun parlamento inútil e burgués.

Dende este, é imposible resolver nada, xa que mentres exista unha minoría privilexiada como é a burguesía, esas eleccións son ilusorias e antidemocráticas. A representación actual é unha ficción, xa que para a clase obreira é imposible controlar ás persoas que din que lle representan, e unha vez que adquiren o seu escano, van deixando de lado os seus ideais en contra das oprimidas para favorecer aos grupos dominantes, é dicir, acaban por corromperse. É por iso, que nun sistema onde a explotación e a desigualdade están á orde do día, as forzas que din representar ao pobo están corrompidas e ao servizo dunha minoría privilexiada.

A institución da actual UE, non é máis que unha reproducción do Estado, e como tal, é sinónimo de dominación, corrupción, represión e opresión. As políticas que esta favorece e as invasións imperialistas que fomenta, son boas probas disto. Do mesmo xeito que o Estado, a actual UE só pode estar ao servizo da clase capitalista.

É por iso, que dende o CEL Ourense, CNT Allariz, CGT Ourense e Colectivo Trapo Negro chamamos á abstención, co fin de cuestionarnos o actual sistema imperante. Somos conscientes de que todo cambio só pode vir da organización e da loita, e como tal, cremos que estas son o único camiño para avanzar cara unha Europa e un mundo libres e igualitarios, nos que desapareza toda forma de dominación (Estado, capitalismo e heteropatriarcado) e que garantan a libre autoderminación dos pobos. Un mundo que só pode organizarse mediante o socialismo libertario, que implica unha organización baseada na democracia directa, asemblearia e federal. Unha forma de xestión que garante a participación de todos os individuos.

Contra toda forma de dominación!

Loitar, crear, poder popular!

Ningún comentario:

Publicar un comentario