Quen somos?


MANIFESTO DO CEL


No sistema económico capitalista no que vivimos, a máxima ganancia e o beneficio da reducida clase dominante ou burguesía é o prioritario. A actual crise económica é un bo exemplo disto, na que a burguesía atopa tres saídas á crise: maior explotación da clase obreira (aumento das horas laborais, retraso da xubilación, redución dos salarios...), a guerra imperialista (ofensivas co fin de atopar novos mercados e impulsar a industria militar á costa de milleiros de mortes) e a busca de novos mercados internos mediante a privatización de servizos estatais. Isto último perxudica por unha banda aos sectores populares ao impedirlles o acceso a servizos básicos, á vez que se destrúe un sistema que serviu para garantir o adormecemento e control da loita obreira por parte da clase dominante. Este factor é boa mostra das necesidades da burguesía, que atopa na destrución dun sistema de contención de loita o seu máximo beneficio.

No eido educativo, isto amósase nunha maior mercantilización da ensinanza. Cómpre sinalar que o capitalismo sempre condicionou a educación como medio para formar e adoutrinar para intentar paralizar toda loita social levada a cabo pola man de obra que beneficiará á reducida clase dominante. Malia isto, denunciamos os actuais recortes na ensinanza estatal, que ademais de favorecer as finanzas do Estado español, priorizando o pago da débeda externa ou o salvamento do sistema bancario, e orientando a educación cara intereses cada vez máis mercantís, impiden que a clase obreira acceda a mellores postos de traballo, deixándoos só en mans das persoas máis enriquecidas.

O sistema educativo actual serve de ferramenta para perpetuar as relacións de produción no sistema capitalista, acostumando ao estudantado das clases populares á autoridade, á competividade, á uniformidade de pensamento, á acatación de prazos impostos... O Estado ten o monopolio da planificación, supervisión e execución directa dos plans de estudo, vendo ao estudantado como unha mercadoría fabril máis producida en cadea nos diferentes niveis académicos e non fomentando o interés particular e o pensamento crítico de cada estudante. Toda esta doutrina é imposta mediante un sistema de coacción baseado na recompensa dun futuro mellor e o castigo á marxinalidade.

Neste contexto e despois de anos de estancamento da loita estudantil, tanto en Galicia coma no Estado español, xorde o Colectivo Estudantil Libertario (CEL). Somos unha organización estudantil libertaria e revolucionaria que aspira a consecución da educación libertaria como alternativa ao presente modelo mercantilizador, privatizador, elitista e adoutrinador de ensinanzas privada e estatal. Loitamos por un ensino laico, racional, antidogmático, autoxestionado (xestionado directamente polo alumnado e profesorado), público, gratuito, antiautoritario e orientado o coñecemento como fin en si mesmo, considerándoo como un dereito universal e inalienable do ser humano para o desenvolvemento da súa liberdade positiva, é dicir, das súas capacidades e responsabilidades, como medio cara a autorrealización.

Entendemos que unha educación así só poderá darse nunha sociedade coas mesmas características. Por iso loitamos tamén por novos modelos económicos, políticos e sociais de produción e distribución dos bens de capital e de consumo, nos que os medios de produción sexan propiedade social e non estean en mans privadas ou estatais. Ditos modelos están incluídos no chamado socialismo libertario.

Comprendemos que, na loita social, os medios están condicionados os fins. Por iso a nosa organización ríxese por principios libertarios, que se recollen nos nosos estatutos: asemblearismo, federalismo, autoxestión... Por outra banda, tamén somos conscientes de que sería imposible acadar unha sociedade igualitaria e libre sen o apoio de traballadoras e traballadores, onde se atopan parte do estudantado, polo que cremos imprescindible a colaboración da nosa organización con sindicatos revolucionarios e movementos sociais.

Declaramos a nosa oposición a toda forma de dominación. Opoñémonos deste xeito ao Estado, posto que é unha estrutura que sirve aos intereses dunha reducida clase dominante, reprimindo aos demais grupos sociais mediante o uso da violencia. Somos inimigos do capitalismo, xa que garante que esta reducida clase dominante explote e goberne ao proletariado. Enfrontámonos ao heteropatriarcado, xa que supón a dominación do varón heterosexual sobre o outro sexo e xéneros. Defendemos o internacionalismo, polo que nos definimos como antiimperialistas, reinvindicamos a solidariedade máis aló das fronteiras, o dereito de autodeterminación dos pobos e o multiculturalismo. Rexeitamos a discriminación por motivos étnicos, de procedencia ou de opinión. 

Condeamos a explotación dos recursos naturais cuxo fin é o beneficio económico no sistema capitalista e a destrución irreparable no medio no que vivimos, que antepón os caprichos dunha clase minoritaria dominante ás necesidades de toda a sociedade. Defendemos un novo modelo respectuoso coa natureza e ao servizo de todas e todos. 

Dende o CEL Ourense tamén chamamos a toda organización e mocidade revolucionaria a sumarse a nosa loita tanto no eido estudantil coma no profesional porque xuntas e xuntos combatiremos todas as cadeas que nos oprimen cada día.

Loitar, crear, poder popular!
Arriba quen loita!


Ningún comentario:

Publicar un comentario