mércores, 19 de febreiro de 2014

20 de febreiro, folga estudantil: Abaixo os muros ao coñecemento, abaixo o adoutrinamento!



A LOMCE cos seus intentos de privatización e de mercantilización da educación é un exemplo claro das políticas neoliberais, xa que dotan de maior flexibilidade ás formas de financiamento da educación privada e concertada ao ocuparse estas da demanda social de educación pública.


É dicir, o Goberno poderá optar por suplir á demanda social no sector privado en vez de facelo no público. Isto beneficia ás persoas propietarias dos centros educativos privados, a maioría deles en mans da Igrexa. Esta reforma non é máis que unha busca de garantir o adoutrinamento e sumisión das estudantes ao impor a asignatura de Relixión como obrigatoria,  a eliminación dalgunhas asignaturas e carreiras e a introdución de novas asignaturas para potenciar o suposto ’’espírito emprendedor’’ e a redución da democracia interna nos centros ao aumentar a autoridade da figura do director, ao ser elexido pola administración. Estas medidas só son un exemplo de que queren conseguir unha educación ao servizo do capital.Só podemos calificar a LOMCE como clasista ao implantar reválidas pagadas polas familias das alumnas dende primaria ata secundaria, a implantación do Bacharelato dual significa que un alumno deberá facer un exame que determinará se poderá facer unha FP ou seguir estudando o bacharelato. Con esta lei o que se propón é favorecer máis unha clase dominante composta por aquelas que teñen os recursos para poder estudar, mentres as fillas das obreiras quedan fóra desta educación e de poder ter uns estudos.
Por outra banda, esta lei está a garantir que os centros nos que se segrega ao alumnado por sexos poidan ser concertados, favorecendo deste xeito aínda máis o sexismo presente na educación e na sociedade.


Con respecto á universidade, a redución das bolsas e axudas así como a suba das taxas só é o principio xa que a Estratexia Universidade 2015 pretende entre outras medidas permitir as empresas financien ata o 65% do orzamento o universitario, facendo da universidade unha ferramenta máis ao servizo do capital, en lugar de estar a servizo social, o que quere dicir que buscan unha maior mercantilización da universidade.


Con todo isto, denunciamos que o sistema educativo actual, tanto o que vén defendendo a LOMCE como o que se pode atopar en leis anteriores, só serve de ferramenta para que as clases traballadoras asuman a sumisión ante a autoridade do Estado, ante á competividade á que nos somete o capitalismo e se eduquen só para ser man de obra, esquecendo todo o interese por fomentar o coñecemento e a educación como o medio para a autorrealización de cada persoa.
Dende o Colectivo Estudantil Libertario e a Fronte Estudantil defendemos unha educación autoxestionada polo persoal do sector e o alumnado e que sexa a ferramenta para desenvolver o carácter crítico do estudantado.  Iso só poderemos  conseguilo cando teñamos en cada cidade un movemento estudantil forte que  estea concienciado, participe activamente en asembleas abertas e non sexa tratado como o suxeito pasivo que obedece as ordes de organizacións hexemónicas. Por iso, anímamos a todo o mundo a ser parte activa do movemento, así como chamamos a toda organización revolucionaria a unirse a esta xornada folga, porque aínda que a convocatoria sexa só no territorio galego, cremos que esta debe estenderse por todo o Estado, xa que as leis educativas en cuestión afectan a este último nivel. Tamén discrepamos coa forma na que son feitas estas folgas, cremos noutro panorama estudantil, no que a forza resida nas asembleas e as folgas sexan convocadas polas estudantes combativas.


Así mesmo, dende o Colectivo Estudantil Libertario chamamos ao estudantado á organización, e a que loite por unha educación pública, en galego, científica, integral, antidogmática, gratuíta, antipatriarcal e popular xestionada por traballadoras e estudantes no socialismo libertario.


Non á LOMCE, non ao adoutrinamento!


Pola autoxestión!

Ningún comentario:

Publicar un comentario