O sector
educativo no territorio galego, así como no resto do Estado español, está a
sufrir os efectos das políticas neoliberais, as cales pretenden privatizar e
mercantilizar en maior medida a educación. Isto débese á vontade das clases
privilexiadas de obter máis beneficios así como de perfeccionar o labor de
adoutrinamento ideolóxico para manter a súa orde social.
A LOMCE é
un claro exemplo destas prácticas, xa que, entre outras medidas, pretende
privatizar a educación ao dotar de maior flexibilidade ás formas de
financiamento da educación privada e concertada ao pasar esta a atender a
demanda social e a oferta pública presente.
É dicir,
que o Goberno poderá optar por suplir á demanda social no sector privado en vez
de facelo no estatal. Isto ten un forte carácter dogmático, xa que beneficia ás
persoas propietarias dos centros educativos privados, a maioría deles en mans
da Igrexa. A reforma tamén garante o adoutrinamento ao impór a asignatura de
Relixión como obrigatoria.
A súa vez
pretende centralizar a educación ao aumentar a porcentaxe dos contidos comúns
que deben impartirse en todo o Estado así como ao relegar ao galego a un
segundo plano e financiar a centros privados que promovan a ensinanza en
castelán.
Esta lei
tamén supón a verticalización da educación e a redución da democracia interna
ao aumentar a autoridade da figura do director a vez que este pasa a ser
elixido pola administración.
Por se
isto non fora suficiente, introdúcese no relativo aos obxectivos da educación
privada o “desenvolvemento do espírito emprendedor” poñendo ao empresariado e
ao capital como modelo e obxectivo a seguir. Ademais, a lei garante que os
centros nos que se segrega ao alumnado por sexos poidan ser concertados,
favorecendo deste xeito o sexismo.
Este
modelo de educación que se quere impoñer tamén ten plans para a universidade. A
redución das bolsas e axudas así como á suba das taxas só é o principio xa que
a Estratexia Universidade 2015 pretende mercantilizar en maior medida a
universidade ao, entre outras medidas, deixar que as empresas financien ata o
65% do orzamento universitario, poñendo á universidade ao servizo do capital no
canto do servizo social.
Por estas
razóns, animamos a todo o sector educativo a que o 24 de outubro secunde a
folga para demostrar así o noso rexeitamento ao seu modelo de educación. Porque
unha folga na educación é coma un pulso, e só o gañaremos se loitamos todas
xuntas.
Así
mesmo, dende o Colectivo Estudantil Libertario chamamos ao estudantado a que se
organice e loite por unha educación pública, en galego, científica,
antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e estudantes no
socialismo libertario.
Non á LOMCE, non ao sistema!
Pola
autoxestión!
Ningún comentario:
Publicar un comentario