domingo, 27 de abril de 2014

O Un de Maio, ás rúas!

Boas compañeiras!

Este Un de Maio, voltamos ás rúas a reinvindicar os nosos dereitos como traballadoras,
a mostrarnos en contra do sistema capitalista e das súas distintas formas de explotación, saimos para reinvindicar que estamos en contra do patriarcado, saimos ás rúas en memoria dos ''Mártires de Chicago'', saimos as rúas para mostrarlles que nós somos os máis e eles os menos .

Achamos que a única forma de combatir a opresión a que estamos sometidos é unindonos sen intereses oportunistas, porque cantas máis  sexamos e canto máis organizadas estemos, máis doado será romper as cadeas que nos unen a este sistema.

 Por iso iste un de maio en ourense, saímos co Bloque Crítico conformado por diversos sindicatos (CNT, CGT, CUT, SF, STEG) , FUE, a Asamblea de Estudantes de Ourense, o 15 M, individualidades e a nosa organización Este ano, propuxemonos non quedarnos só na manifestación e facer unha xornada reinvindicativa completa.

A xornada comezará ás 12.00 da mañá ca manifestación. Sairase dende a ponte romana (na oficina de turismo) e rematará ca lectura do manifesto conxunto nos xardíns Padre Feixóo. Este novo percorrido desmarcase totalmente dos sindicatos amarelos. Despois daremos paso ao encontro de confraternización en Oira ás 14.00 da tarde, onde haberá un xantar no bar Praia Oira e despois de comer, no campo de Oira haberá postos, informativos e de libros. Contaremos tamén con actividades paralelas tales como concertos (hip-hop e cantautores) que se realizasen no exterior ou no mesmo bar da comida dependendo da climatoloxía.



 Este Un de Maio, obreira sal á rúa e loita!

                    





martes, 8 de abril de 2014

STOP REPRESIÓN!



Dende o Colectivo Estudantil Libertario (CEL) denunciamos a represión policial feita este pasado 7 de abril as estudantes de Compostela detidas nunha redada policial.

Os feitos acontecidos nas protestas do cerco do 11 de marzo en Compostela, serviron á policía para xustificar a detención e represión da protesta social, atacando ás estudantes que nese momento decidiron solidarizarse coas mariñeiras na súa causa. A manifestación convocada por estes, tornouse primeiramente violenta, producíndose diversos disturbios, entre eles barricadas nas rúas.

As acusacións que dende a policía publican os medios de comunicación son falsas, en tanto que estas imputacións se basean en: “desordes públicos, atentado a axentes da autoridade, lesións e danos”. As estudantes non causaron os disturbios, no peor dos casos continuaron participando na manifestación, xunto cas mariñeiras, que foron as e os que combateron na manifestación. É curioso pensar que a policía desvincule ao sector naval da súa propia manifestación e acuse a grupos de "pertenza ao anarquismo e independentismo radical violento", unha actitude que só podemos fundamentar nunha vontade de reprimir e condenar a protesta social no eido estudantil compostelán que nos últimos meses se tornou combativa, rachando cos antigos e ineficaces modelos de loita. Un toque de atención co claro obxectivo de intimidar ao estudantado disposto a afrontar a grave situación de crise social que estamos a vivir.


As detidas, incomunicadas, retidas durante máis de 24 horas, a mercé da policía, están sufrindo as consecuencias do cinismo democrático que vivimos todos os días. Unha democracia que persegue e criminaliza, que marxina e condena, non está lexitimada para xulgar como elementos alleos e perversos as e ás súas propias fillas.


É por isto que dende o CEL reixetamos de plano a violencia estrutural que viven todos os días as clases populares, a criminilización dos que defenden os dereitos de estas e loitan por un mundo máis xusto. Solidarizamonos coa a dor e o sufrimento das familias e exiximos a posta da liberdade sen cargos das detidas.






CONCENTRACIÓNS NAS DISTINTAS CIDADES :

-Ourense mércores 20.00h subdelegación


-Vigo mércores ás 20.00h na farola

-Compostela xoves ás 19.00h no toural

-Lugo HOXE ás 20.30h na plaza maior
-
A Coruña xoves ás 20:30h no Obelisco

venres, 7 de marzo de 2014

Análise do 20F Folga Estudantil


O pasado xoves 20 de febreiro foi unha día de folga estudantil en todo o territorio galego. Queremos sinalar que discrepamos coa forma na que foi convocada, provindo esta dende as cúpulas de certas organizacións e sen contar co estudantado, ademáis de chamar só a unha reducida parte deste. Con todo, no caso ourensán, logrouse certa autonomía respecto a esta forma de actuar.


Na nosa cidade a participación na folga foi alta, malia que o seguimento foi menor que noutras ocasións. Os piquetes no ámbito universitario foron poucos efectivos debido á falta dunha organización clara dos mesmos. Respecto á manifestación, tivo unha boa participación no bloque estudantil.


Outro factor decisivo foi a participación estudantil, insuficiente polo de agora. Con todo, xurdiu unha nova organización asemblearia e aberta, Frente Estudantil, que agrupa a parte do estudantado de ensinanzas medias.


Consideramos necesario para superar estas debilidades s a creación dun movemento estudantil forte, revolucionario, organizado, crítico co sistema e a actual educación. Un movemento combativo  debe ter capacidade transformadora e crítica, e non só limitarse a loitar contra os recortes e a LOMCE.



Por un movemento estudantil forte, con capacidade transformadora, crítico e revolucionario!
Por unha eduación libre, gratuíta, autoxestionada, científica e pública!


mércores, 19 de febreiro de 2014

20 de febreiro, folga estudantil: Abaixo os muros ao coñecemento, abaixo o adoutrinamento!



A LOMCE cos seus intentos de privatización e de mercantilización da educación é un exemplo claro das políticas neoliberais, xa que dotan de maior flexibilidade ás formas de financiamento da educación privada e concertada ao ocuparse estas da demanda social de educación pública.


É dicir, o Goberno poderá optar por suplir á demanda social no sector privado en vez de facelo no público. Isto beneficia ás persoas propietarias dos centros educativos privados, a maioría deles en mans da Igrexa. Esta reforma non é máis que unha busca de garantir o adoutrinamento e sumisión das estudantes ao impor a asignatura de Relixión como obrigatoria,  a eliminación dalgunhas asignaturas e carreiras e a introdución de novas asignaturas para potenciar o suposto ’’espírito emprendedor’’ e a redución da democracia interna nos centros ao aumentar a autoridade da figura do director, ao ser elexido pola administración. Estas medidas só son un exemplo de que queren conseguir unha educación ao servizo do capital.Só podemos calificar a LOMCE como clasista ao implantar reválidas pagadas polas familias das alumnas dende primaria ata secundaria, a implantación do Bacharelato dual significa que un alumno deberá facer un exame que determinará se poderá facer unha FP ou seguir estudando o bacharelato. Con esta lei o que se propón é favorecer máis unha clase dominante composta por aquelas que teñen os recursos para poder estudar, mentres as fillas das obreiras quedan fóra desta educación e de poder ter uns estudos.
Por outra banda, esta lei está a garantir que os centros nos que se segrega ao alumnado por sexos poidan ser concertados, favorecendo deste xeito aínda máis o sexismo presente na educación e na sociedade.


Con respecto á universidade, a redución das bolsas e axudas así como a suba das taxas só é o principio xa que a Estratexia Universidade 2015 pretende entre outras medidas permitir as empresas financien ata o 65% do orzamento o universitario, facendo da universidade unha ferramenta máis ao servizo do capital, en lugar de estar a servizo social, o que quere dicir que buscan unha maior mercantilización da universidade.


Con todo isto, denunciamos que o sistema educativo actual, tanto o que vén defendendo a LOMCE como o que se pode atopar en leis anteriores, só serve de ferramenta para que as clases traballadoras asuman a sumisión ante a autoridade do Estado, ante á competividade á que nos somete o capitalismo e se eduquen só para ser man de obra, esquecendo todo o interese por fomentar o coñecemento e a educación como o medio para a autorrealización de cada persoa.
Dende o Colectivo Estudantil Libertario e a Fronte Estudantil defendemos unha educación autoxestionada polo persoal do sector e o alumnado e que sexa a ferramenta para desenvolver o carácter crítico do estudantado.  Iso só poderemos  conseguilo cando teñamos en cada cidade un movemento estudantil forte que  estea concienciado, participe activamente en asembleas abertas e non sexa tratado como o suxeito pasivo que obedece as ordes de organizacións hexemónicas. Por iso, anímamos a todo o mundo a ser parte activa do movemento, así como chamamos a toda organización revolucionaria a unirse a esta xornada folga, porque aínda que a convocatoria sexa só no territorio galego, cremos que esta debe estenderse por todo o Estado, xa que as leis educativas en cuestión afectan a este último nivel. Tamén discrepamos coa forma na que son feitas estas folgas, cremos noutro panorama estudantil, no que a forza resida nas asembleas e as folgas sexan convocadas polas estudantes combativas.


Así mesmo, dende o Colectivo Estudantil Libertario chamamos ao estudantado á organización, e a que loite por unha educación pública, en galego, científica, integral, antidogmática, gratuíta, antipatriarcal e popular xestionada por traballadoras e estudantes no socialismo libertario.


Non á LOMCE, non ao adoutrinamento!


Pola autoxestión!

martes, 22 de outubro de 2013

Gáñalle o pulso á LOMCE, gáñalle o pulso ao sistema!

O sector educativo no territorio galego, así como no resto do Estado español, está a sufrir os efectos das políticas neoliberais, as cales pretenden privatizar e mercantilizar en maior medida a educación. Isto débese á vontade das clases privilexiadas de obter máis beneficios así como de perfeccionar o labor de adoutrinamento ideolóxico para manter a súa orde social.

A LOMCE é un claro exemplo destas prácticas, xa que, entre outras medidas, pretende privatizar a educación ao dotar de maior flexibilidade ás formas de financiamento da educación privada e concertada ao pasar esta a atender a demanda social e a oferta pública presente.

É dicir, que o Goberno poderá optar por suplir á demanda social no sector privado en vez de facelo no estatal. Isto ten un forte carácter dogmático, xa que beneficia ás persoas propietarias dos centros educativos privados, a maioría deles en mans da Igrexa. A reforma tamén garante o adoutrinamento ao impór a asignatura de Relixión como obrigatoria.

A súa vez pretende centralizar a educación ao aumentar a porcentaxe dos contidos comúns que deben impartirse en todo o Estado así como ao relegar ao galego a un segundo plano e financiar a centros privados que promovan a ensinanza en castelán.

Esta lei tamén supón a verticalización da educación e a redución da democracia interna ao aumentar a autoridade da figura do director a vez que este pasa a ser elixido pola administración.

Por se isto non fora suficiente, introdúcese no relativo aos obxectivos da educación privada o “desenvolvemento do espírito emprendedor” poñendo ao empresariado e ao capital como modelo e obxectivo a seguir. Ademais, a lei garante que os centros nos que se segrega ao alumnado por sexos poidan ser concertados, favorecendo deste xeito o sexismo.

Este modelo de educación que se quere impoñer tamén ten plans para a universidade. A redución das bolsas e axudas así como á suba das taxas só é o principio xa que a Estratexia Universidade 2015 pretende mercantilizar en maior medida a universidade ao, entre outras medidas, deixar que as empresas financien ata o 65% do orzamento universitario, poñendo á universidade ao servizo do capital no canto do servizo social.

Por estas razóns, animamos a todo o sector educativo a que o 24 de outubro secunde a folga para demostrar así o noso rexeitamento ao seu modelo de educación. Porque unha folga na educación é coma un pulso, e só o gañaremos se loitamos todas xuntas.

Así mesmo, dende o Colectivo Estudantil Libertario chamamos ao estudantado a que se organice e loite por unha educación pública, en galego, científica, antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e estudantes no socialismo libertario.


Non á LOMCE, non ao sistema!

Pola autoxestión!

martes, 20 de agosto de 2013

En solidaridade cas traballadoras e cos traballadores de T-solar

Dende o CEL Ourense (Colectivo Estudantil Libertario) solidarizámonos cas traballadoras e cos traballadores de T-solar na loita que están a librar en contra dos repetidos abusos da patronal.

Esta loita afecta directamente a 170 persoas empregadas de T-Solar. Unha empresa de enerxías renovables nada en 2008, que polos esforzos do seu persoal, conseguiu ser unha das mellores de toda Europa. Esta empresa, tamén dispoñía de axudas estatais anuais que a obrigaban a contratar a estas persoas indefinidamente.

Neste último ano, debido aos numerosos recortes, a empresa soubo que non tería asegurado as axudas públicas. Por este motivo, decidiu facer un ERE (Expediente de Regulación de Emprego) de suspensión, tendo así o seu persoal inoperante e co soldo reducido. Uns meses máis tarde, determina executar un ERE de extinción, despedir a todas as súas persoas traballadoras.

Por todo isto, denunciamos que o beneficio dunha clase dominante apropiada dos medios de produción e da fonte de toda vida, obrigue aos desposuídos destes medios e que só poden vender a súa forza de traballo á dependencia da súa subsistencia. Isto supón a que, pese á cantidade de traballo que vemos necesario todos os días na nosa sociedade, este non se realice se non reporta un beneficio económico a aquel que posúe os medios para que se leve a cabo. Esta situación pon de manifesto o carácter do sistema capitalista apoiado polo Estado, que garante ao empresario explotador o seu beneficio, e que en tempos de crise se afirma a través das reformas laborais que deixan ao obreiro máis desprotexido. No caso de T-solar, o Estado permitiu o exercicio dun ERE de extinción, botar a todas as persoas obreiras á rua, argumentado en base a que non era posible unha maior ganancia este ano ou que tivo perdas no último ano.

Estas obreiras e obreiros, xa levan máis dun mes e medio pechadas e pechados na empresa de T-Solar para reclamar que eles queren seguir traballando na súa fábrica. Tamén levan feito numerosas mobilizacións as que dende aquí apoiamos.

Dende CEL Ourense, a nosa postura é clara e contundente: solidarizámonos e apoiámolos na súa loita, chamamos as organizacións e sindicatos a sumarse porque esta tamén é unha batalla da clase obreira.



Viva a loita da clase obreira!
Arriba quen loita!

sábado, 10 de agosto de 2013

Solidariedade coas e cos 5 de Barcelona!

Dende o Colectivo Estudantil Libertario de Ourense (CEL Ourense) queremos manifestar o noso posicionamento en contra da criminalización do movemento libertario no Estado español.

Rexeitamos a represión por parte do Estado á que están sendo sometidos as e os cinco anarquistas detidas e detidos o 15 de maio de 2013 en Barcelona. Consideramos que, tras ler o auto, non hai probas delictivas concluintes que xustifiquen o encarceramento por pertenza a banda armada e enaltecemento do terrorismo. Condenamos pois, que en data de hoxe, 10 de agosto de 2013, estas persoas presas políticas segan a estar en prisión preventiva por risco de fuga, en réxime de illamento, e a súa dispersión en diferentes cárceres de Ávila e Madrid.

Denunciamos o atentado contra a liberdade de expresión que as forzas de represión estatal levaron a cabo mediante o rexistro no Ateneo Libertario de Sabadell así como a substracción do seu material (pancartas, bandeiras, carteis…). Nisto vemos un claro intento de intimidar e debilitar a difusión de ideas contrarias ao poder hexemónico actual, perseguindo aos diferente grupos e movementos sociais da zona que alí se reunían. Un exemplo disto é o 15 M que, coincidindo co seu 2º aniversario, volvía á acción no seu local de reunión, o Ateneo, pouco despois do seu asalto por parte dos Mossos D’Escuadra.

Dámoslle todo o noso apoio e solidarizámonos con esas e eses cinco camaradas que foron e seguen detidas e detidos inxustamente o 15 de maio sendo acusados de enaltecemento do terrorismo e de pertenza a banda armada debido a uns comentarios nunha rede social. Ante este ataque á liberdade de expresión e intento de criminalización do movemento e a loita social, a nosa postura é de solidariedade e empatía coas persoas detidas.

Chamamos tamén á solidariedade cas detidas e detidos a todas as persoas que, libertarias ou non, participan nas loitas sociais.

Para máis información e para solidarizarse economicamente ou contactar coas presas e cos presos suxerimos a seguinte ligazón: http://freedomforthefive.wordpress.com/

Liberdade presas e presos por loitar!
Arriba quen loita!